Saturday 18 de May de 2024

A Xunta agradece o compromiso na loita contra a violencia de xénero dos participantes no curso de voluntariado de Santiago


A secretaria xeral da Igualdade e a directora xeral de Xuventude presentaron o curso que comeza hoxe no Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, agradeceu hoxe o compromiso na loita contra a violencia de xénero dos participantes no curso de voluntariado que comeza hoxe no Centro de Recuperación Integral de Santiago de Compostela.

O curso organizado conxuntamente entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección xeral de Xuventude Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia formará ao longo deste mes de xuño a 30 voluntarios. López Abella destacou a boa acollida desta formación, que recibiu 77 solicitudes para as 30 prazas dispoñibles, polo que, segundo indicou, intentarase ampliar a oferta ao longo do ano.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, indicou que o obxectivo deste curso é o de seguir poñendo a disposición dos Centros da Rede Galega de Acollemento unha bolsa de voluntarios e voluntarias que poidan colaborar cos profesionais das institucións para darlle unha atención máis integral e máis individualizada ás usuarias dos centros.

Cecilia Vázquez tamén destacou a boa acollida entre o voluntariado deste programa, o que entendeu como “un signo claro do fondo rexeitamento da sociedade galega á violencia da xénero, o que tamén nos confirma a responsabilidade que temos dende as administracións públicas para ofrecer os medios e programas para canalizar a solidariedade voluntaria no apoio daqueles colectivos que máis sofren”, engadiu.

Esta acción formativa sobre a violencia de xénero enmárcase nun programa pioneiro e innovador en Galicia, que comezou en 2012 coa convocatoria do primeiro curso en liña de nivel 1 sobre voluntariado para apoio e acompañamento ás vítimas de violencia de xénero, que tería continuidade cunha segunda e terceira edición en 2013 e 2014. Nestas tres edicións matriculáronse un total de 2.611 voluntarios e voluntarias, dos que remataron o programa con éxito 1.414.

Ademais destes cursos en liña de primeiro nivel, nos anos 2013 e 2014 convocáronse outros dous de nivel 2, xa de carácter presencial e máis especializado nos que se formaron un total de 41 persoas e que se celebraron en Vigo, o primeiro, e en Santiago, o segundo. O novo curso presencial que hoxe comeza no Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de Xénero en Santiago conta con 30 prazas e se desenvolverá ata o vindeiro 21 de xuño.

Os participantes nestas accións formativas, poden obter unha certificación oficial da colaboración e da experiencia adquirida, tal e como recolle a Lei Galega de Acción Voluntaria.

Dende o ano 2012 a Secretaría xeral da Igualdade e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado colaboran ano tras ano en programas de voluntariado específicos para apoiar ás vítimas de violencia de xénero.

No ano 2013 elaborouse a Guía para o voluntariado en violencia de xénero que servirá para que os novos voluntarios poidan levar a cabo o seu labor.